A un paso!

Veño de recoller a proba previa a que entre ao prelo A (des)memoria. Só resta un paso para que o que teña nas mans sexa o de verdade.

10 de abril

Compás a distancia que me dispón cara o teu sur desorientado,
a conexión umbilical
que gardamos                     a morte
na estirpe sobrenome
á que obedezo,

                                         aínda que non me corresponda.

[…]

Recitado deste primeiro poema para Radio Galega: aquí.

O micropoemario completo De nome propio, Alois: aquí.

Día da poesía 2020

Hai un ano, celebraba a poesía nas redes e na rúa. Con nome propio.

A Poesía.

As cousas que amamos tiran por nós. Por exemplo, non poder apenas camiñar, mais botar a correr detrás dos pícaros en canto os ves de lonxe. Coa feliz boca desdentada guiando a présa dos pasos. Esa forza.

De nome propio, Alois

En corenta anos, os que agora escoitaron que non viviron unha mili en inverno en Burgos, talvez recorden que viviron unha pandemia no inverno na casa.

Feliz día da poesía. Aproveitade para ler  (poesía). Tampouco hai moita mellor cousa… Se queredes ampliar comigo, podedes indagar no meu Linguaxes dixitais: videopoemas, poemas…

Café, zume e cebolas: novo poema!

Hoxe, cúmprense 30 anos da caída do muro de Berlín. Supoño que este tipo de derrubamentos deberían ter consecuencias nos actos posteriores. Nas conciencias, nas reflexións… Non sei, nas urnas. Na memoria. En definitiva, na historia que construímos e derruímos.

Pensando sobre isto, lembrei que hai un poema que escribín hai dous anos e medio no cal nomeo a East Side Gallery. Inédito, pois, decidín que non habería mellor día para partillar un texto coma este. Sobre todo por dúas razóns. A primeira é que xa algún de vós me dixestes que ultimamente non subo textos novos nin publico libros novos (a ver, disto non teño eu a culpa!). A segunda é que neste novo poema conviven varios espazos, varias persoas e varias lembranzas. E caben. O máis bonito é que, se ordenamos ben os versos, caben todas esas cousas que semellaban tan afastadas entre si.

Con todo, púxenlle un título só para poder engadirlle á lapela. Porque, en realidade, estas memorias non teñen un título: teñen unha pel.

Lede aquí o novo poema!👈🏼

Memorias de aniversarios

Esta noite (concretamente, ás 23:43), cumpriranse dous anos desta foto. Moitos quilómetros e poucos graos Celsius para coincidir coa «Canción de vuelta» de Vetusta Morla.

Quero lembrar este reinicio cun novo poema na sección de poemas soltos: «Aniversarios». 👈🏼 Faltan tres versos (que oxalá poidades ler moi cedo).

A rodar!Foto de Clara Vidal.

Linguaxes dixitais no ZigZagDiario comentado por Estíbaliz Espinosa Río

O pasado 26 de marzo, estiven no ZigZagDiario (TVG) presentando o meu Linguaxes dixitais. Apenas dúas semanas despois (10 de abril), Estíbaliz Espinosa Río levou o meu libro para falar sobre el na súa sección literaria no programa, onde conxuga: ciencias, letras e divulgación.

Podedes ver o vídeo desde a lapela de Linguaxes dixitais ou dende esta ligazón directa ao programa. Ides namorar dos meus versos na súa voz! Lembrade, ademais, que poderedes ouvir os meus versos na miña voz nas próximas citas de presentacións: en Compostela o próximo día 12 de abril e en Vigo o próximo día 4 de maio.

Aproveito para recoller nesta publicación que hoxe está de aniversario unha das persoas que son motor da miña produción poética: a miña propia e particular Alois Alzheimer. 90 anos dando guerra.

Con abu en xullo do 2017 no río de San Saturnino

Vídeo do lanzamento de Linguaxes dixitais

O pasado 14 de decembro lancei Linguaxes dixitais na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, acompañada. Acompañadísima. Por unha banda, estaba arroupada por Wladimir e por Emma nesa mesa que tería sido enorme para min soa. Por outra banda, estabades todos vós.

Aquel día chovía, ía moitísmo vento e había un tráfico terríbel que fixo a moita xente chegar tarde ou non chegar. Aos que non chegaron, tamén sei que algunhas causas foron outras: compromisos, distancias quilométricas, incompatibilidade horaria… Aínda así, sorprendeume ver como non paraba de chegar xente e como era necesario sacar máis e máis cadeiras porque ao comezo do acto xa estaban todas ocupadas.

Mais esta nova entrada do meu WordPress está pensando sobre todo nesas persoas que non puideron vir. Partillo con vós o vídeo que dende a Asociación Cultural Alexandre Bóveda tiveron a ben gravar e compartir comigo e tamén con todos vós, editado tan calorosamente como me trataron alí.

Grazas, de novo, a todos e a todas vós. Aos presentes e aos ausentes.

Haberá que pensar nunha nova parada xeográfica para presentar este poemario que naceu para que as persoas puidesen sentir o grosor da gramaxe das súas páxinas, mais tamén a voz de quen as escribiu.

Vémonos nos versos!

 

Ninguén poderá sandar

Publico un novo poema que pertence ao poemario Linguaxes dixitais.

Pode que sexa  este o poema do libro máis complexo de recitar. Podedes lelo na seguinte ligazón (ou na páxina 17 do formato físico en papel):

Ninguén poderá sandar

Hubble, European Space Agency (ESA), Akira Fujii
Hubble, European Space Agency (ESA), Akira Fujii

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis

Aínda que a venda e lanzamento de Linguaxes dixitais tivo esta tempada un oco moi amplo nesta páxina e na miña vida, o mundo continúa!

Vén de publicarse o número 21 de Madrygal, que se coordina na Universidad Complutense de Madrid (UCM). Nesta revista, participo como creadora e como investigadora. Curiosamente, ambas achegas están ligadas ao mes de decembro. Non ha mellor momento para partillarvos esta nova. Convídovos a ler ambas e a botar un ollo tamén no resto de colaboracións que non son da miña autoría.

Podedes consultar a revista completa en formato dixital aquí.

O micropoemario co que participei, podedes lelo nesta mesma páxina.

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis!