Clara Vidal gaña o 3º premio Díaz Jácome de poesía no 2022

Tal e como anunciaban os medios na mañá do domingo, o día previo pola mañá chamábanme a min para comunicarme que a miña obra Os caracois alpinistas era a gañadora do terceiro premio do Díaz Jácome deste ano.

Moitas grazas ao concello de Mondoñedo por convocar anualmente este certame e ás persoas que elixiron estes textos para o premio! Haberá que intentar gañar o Manuel Leiras Pulpeiro (sen límite de idade), que tamén convoca este concello.

Podedes ler aquí o micropoemario:

Os caracois alpinisas.

10 de abril

Compás a distancia que me dispón cara o teu sur desorientado,
a conexión umbilical
que gardamos                     a morte
na estirpe sobrenome
á que obedezo,

                                         aínda que non me corresponda.

[…]

Recitado deste primeiro poema para Radio Galega: aquí.

O micropoemario completo De nome propio, Alois: aquí.

7 poemas en Palavra comum

Hoxe, unha antoloxía moi especial de sete poemas meus apareceu en Palavra Comum. Un deles, pertencente a Linguaxes dixitais, aínda non está neste WordPress! Non perdades a oportunidade de coñecer a revista.

Micropoemario galardoado pola UDC

O pasado mes de maio estivo cargado de actos poéticos nos que participei para celebrar e conmemorar o día das Letras. Uns días antes do 17, volvín ao que supón dende hai moitos anos unha segunda casa na miña vida: a facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC). Alí, entregáronme un galardón na modalidade en lingua galega conseguido no XXVI Premio de Creación Literaria e Ensaio da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, que se celebrou este ano. O título da obra era Escornar contra ti e, aberta a plica, estaba outra vez o meu nome.

É o cuarto premio que recollo na UDC deste tipo, polo que para os próximos anos, terei que ir pensando en participar nos premios literarios das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Polo de agora, lonxe xa das brincadeiras, quero pór en destaque a importancia dos premios de creación a todos os niveis (pequenos, medianos e grandes), de todos os xéneros (poesía, ensaio, teatro e narrativa; aínda que tamén se entregou premio a tradución científica) e o apoio cultural que estes precisan de todas e todos nós.

Para ilustrar a miña preocupación, comentarei que dende o primeiro que gañei da UDC no 2013 a este no 2019, pasáronse de premios para 8 categorías a só 3. Cómpre repararmos no apoio que se precisa e no traballo que hai detrás de cada convocatoria e participante.

Podes ler o micropoemario premendo aquí. 👈

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis

Aínda que a venda e lanzamento de Linguaxes dixitais tivo esta tempada un oco moi amplo nesta páxina e na miña vida, o mundo continúa!

Vén de publicarse o número 21 de Madrygal, que se coordina na Universidad Complutense de Madrid (UCM). Nesta revista, participo como creadora e como investigadora. Curiosamente, ambas achegas están ligadas ao mes de decembro. Non ha mellor momento para partillarvos esta nova. Convídovos a ler ambas e a botar un ollo tamén no resto de colaboracións que non son da miña autoría.

Podedes consultar a revista completa en formato dixital aquí.

O micropoemario co que participei, podedes lelo nesta mesma páxina.

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis!