O Verbo

O Verbo

 

A piques de estoupar,
o meu cerebro abate.

Aínda hai verbas capaces
de aniquilar estratos.

Sábeme mellor
o viño do teu corpo
entre herba seca.

Vou suando palabras polas mans.

Serve
a miña carne para un apuro
de Géricault nas balsas.
Porque a miña polidipsia
fai que me lembres
cando notas esa sede.

Aínda hai verbas capaces
de aniquilar estratos.

Estase a escapar a túa excitación
polos ocos do verso.
Demasiado espazo entre os corpos.

Calquera liña
é un pleonasmo do teu nome.

Pero é que aínda hai verbas                capaces
e non me sae pronuncialas.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.