Masaxe con argán mal pronunciada saíu do prelo!

Tal e como veredes neste vídeo, Masaxe con argán mal pronunciada xa chegou a papel.

Nuns días, chegará ás vosas librarías de confianza. Se non o teñen, podedes pedirlles que o pidan ou falar comigo.

Tic-tac, tic-tac…!

Pisando forte!

Xa non queda moito tempo para que Masaxe con argán mal pronunciada sexa libro!

Nesta recta final, a creación vai a mil. Case tan rápido como os retos. O novo desafío?: aprender a ilustrar. E parece que as ilustracións veñen pisando forte!

Ilustración de Clara Vidal.
© Clara Vidal.

Xa está aquí A luz ignota!

Pois esta é a novidade de hoxe. «A luz ignota», que acadara o pasado 2 de decembro de 2023 o primeiro premio no XXXVII edición do certame de poesía Rosalía de Castro de Cornellá, xa se pode ler dende aquí. Tamén se pode escoitar unha entrevista onde falo sobre o texto na Ràdio Sant Boi.

Estou moi contenta de que unha temática que comecei a traballar hai moitos anos continúe tendo tan boa acollida nos certames. Todo comezou co micropoemario De nome propio, Alois, co que gañei en 2016 o IV Certame de Poesía en Lingua Galega «Manuel María» da casa de Galiza de Gipuzkoa. Moitos anos despois, A (des)memoria viu a luz da man de Medulia Editorial. En pouco tempo, a asociación Rosalía de Castro de Cornellá recollerá tamén «A luz ignota» nun libro que recompilará os textos premiados no certame nas últimas cinco edicións. Polo momento, podedes lelo dende este WordPress.

Clara Vidal gaña o XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Masaxe con argán mal pronunciada foi a obra que, aberta a plica, resultou gañadora do XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O libro será publicado no mes de maio do 2024 por Caldeirón.

Quero agradecer aos membros do xuri a súa elección e palabras adicadas á mesma. En breves, partillarei aquí o fallo que realizaron. É para min un pracer acadar un premio no único certame da Galiza que, ano tras ano, publica poemarios de temática erótica escritos en galego.

Deixo algunhas imaxes da recollida do premio, entregado na Cea das Letras en Malpica de Bergantiños o 11 de novembro de 2023. Cea na cal se me tratou como parte xa da familia Caldeirón!

Cerimonia de gaivotas: setembro de 2023

A semana pasada, participei na Cerimonia de Gaivotas. Este micro aberto de poesía naceu da man do instagramer Xoán Pedreira e Branca Trigo. Cando souben da existencia da posta en marcha do proxecto, xa tiña éxito en Vigo e estreábase na Coruña.

Durante moitos meses, na Coruña, participei en micros abertos unha vez ao mes. Algo similar a estas cerimonias, mais cun foco xeográfico e público moito máis invariábel e recorrente. Eses proxectos morreron hai moitos anos e, dende entón, non coñecía ningún micro aberto regular que subise poesía de xente descoñecida aos escenarios. É un pracer que isto cambie.

Por se vos interesa, a idea é que este evento sexa unha vez ao mes, alternando Vigo e Coruña. Para os de Coruña, haberá que agardar a novembro; mais os de Vigo tendes cita en outubro!

Moitos parabéns pola iniciativa e forza para que continúe en marcha moitos anos máis! Grazas tamén ao fotógrafo e á Tobeira de Oza pola acollida!

A poeta Clara Vidal gaña un certame de relato

Xa de por si, o título desta entrada é poesía pura.

Cando lle dixen á miña nai que gañara un certame cun relato, ela preguntoume que se me presentara cun relato. Algo non cadraba.

Do porco non se estraga nada é o título dun relato que levo traballando moito tempo. Todo naceu mediante un disparador creativo tirado nun obradoiro de escrita creativa que impartía Antía Yáñez en Oleiros. A misión era escribir un texto curto, de non máis de dúas páxinas, sobre unha canción que todas as persoas do obradoiro coñecesen, a ver se alguén adiviñaba a melodía que se agochaba detrás. Eu escollín unha canción popular, súper coñecida e moi alegre. Iso si, deille unha volta a todos eses calificativos para escribir un relato cru, duro e terrorífico. Ademais, fun engadindo moitas páxinas e dando profundidade á historia.

Teño que agradecer o apoio e escoita atenta a todas e cada unha das persoas que participaron comigo naquel obradorio onde isto comezou a agromar. Coma sempre, tamén á Asociación de Escritores en Lingua Galega, que xera e promove estes encontros para traballar a literatura dos que, ás veces, saen textos premiados! Por suposto, ás persoas que despois de todo ese proceso, estiveron comigo para mellorar o texto que volvía abrir no meu Word para facer algo con el (a Amador Castro Moure e á súa inesgotábel amabilidade de revisión). Obviamente, tamén ao xuri do certame por decidir que unha obra narrativa escrita por unha persoa que se cre negada para este xénero é merecedora deste galardón.

Eu sigo pensando que o meu non é a narrativa, mais este pulo merece, dende logo, continuar no intento. Comezo por ser a gañadora do primeiro premio do XXVI Certame Literario de Piñor convocado polo concello de Barbadás e pola Asociación Música e Cultura de Galicia.

Grazas!

Algunhas fotos da entrega…

Unha viaxe ao Diario Cultural

O pasado 8 de maio de 2023, Estíbaliz Espinosa foi ao Diario Cultural a falar con Belén sobre cerebros, intestinos, linguaxes, Casto Rivadulla e A (des)memoria.

Moitas grazas ás dúas polo tempo adicado a este libro e polas palabras que me continúan emocionando despois de tempo tras publicar este libro: «recuperar os bos libros independentemente de que se publicasen este ano ou…».

Queres escoitar? Preme!

Recital no Muncyt

O pasado 28 de xaneiro, puxemos o punto final ao obradoiro impartido por Estíbaliz Espinosa no MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia Y Tecnología) e organizado pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), que tivo lugar nos últimos meses do ano 2022.

O cerre, un recital por todo o alto con compañeiros do obradoiro e público. Ademais, tivemos a sorte de que Dani Vázquez nos fotografase e comparto con vós algunhas das instantáneas que me tirou sen me decatar.

Moitas grazas ás persoas e organismos que posibilitaron e posibilitan habitualmente actividades así e tamén ás persoas que compartiron as súas inspiracións comigo.

Pola miña banda, iniciei un micropoemario cunha temática moi nova para min e creo que para a nosa literatura. A ver se roda!

Breve texto de inspiración fotográfica

O pasado sábado, nun obradoiro de Estíbaliz Espinosa, recibimos unha visita de Alba Cid. Ela propúxonos un exercicio: escribir unhas liñas tras observar unha fotografía. Se queres ler o meu resultado, preme na imaxe.

Title: [Woman Seen from the Back]. Artist: Onésipe Aguado de las Marismas (French, Evry 1830–1893 Paris). Date: ca. 1862. Medium: salted paper print from glass negative. MET Museum.

Clara Vidal gaña o 3º premio Díaz Jácome de poesía no 2022

Tal e como anunciaban os medios na mañá do domingo, o día previo pola mañá chamábanme a min para comunicarme que a miña obra Os caracois alpinistas era a gañadora do terceiro premio do Díaz Jácome deste ano.

Moitas grazas ao concello de Mondoñedo por convocar anualmente este certame e ás persoas que elixiron estes textos para o premio! Haberá que intentar gañar o Manuel Leiras Pulpeiro (sen límite de idade), que tamén convoca este concello.

Podedes ler aquí o micropoemario:

Os caracois alpinisas.