Memorias do Trece Roeis Fest 2022

Como era de esperar, participar no cartaz do Trece Roeis Fest foi un agasallo. Aínda son poucos os festivais de música (que moven masivamente a xente) que engaden poesía. Neste senso, foi un pracer participar, mais tamén foi a presencia do risco. E ese risco é marabilloso cando se enche de persoas debaixo das sombras das árbores. Por todo iso e por presentarme a Daniel Asorey, moitas grazas.

A continuación, deixo algunhas fotos (pode que suba máis segundo me vaian chegando de persoas do público) tiradas pola organización do festival e por público que había.

Moitas grazas! David, Miguel, Daniel, Guillermo, Jorge, Tania, Rubén, Paula…, até xa!

Memorias do Trece Roeis Fest, con Clara Vidal, Guillermo Rodicio e Daniel Asorey sobre o escenario.

Presentación literaria no Trece Roeis Fest: 20 de agosto ás 11:15

Hoxe, comeza o Trece Roeis Fest de Ferreira de Pantón. Se xa estades alí, ficade que mañá vou!

Xunto a Daniel Asorey, abordarei un percurso pola miña obra literaria até chegar ao último poemario: A (des)memoria. Será algo diferente, caloroso, cheo de historias e conducido por Guillermo Rodicio Cimadevilla.

Déixovos algunhas imaxes que prepararon dende a organización do festival, para abrir boca.

Vindes?

Vémonos mañá en Carral e na Agra do Orzán (Coruña)

Mañá, o meu día estará cargado de poesía.

Ao mediodía (13:00), estarei conversando con Miriam Ferradáns e Xerardo Quintiá porque eu Chámome poeta e preséntome a concursos. Moderará este encontro Dores Tembrás. Celebrarase o evento na casa da cultura de Carral.

Máis tarde, ás 20:00, conversarei sobre o meu libro A (des)memoria con Tito Pérez. Será na asociación de veciños Agra do Orzán (A Coruña), como xa vos contara aquí.

Vémonos?

A literatura galega na miña voz

Tiven a sorte de que a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) contase comigo para recitar algúns poemas propios. Xa o podedes ver no vídeo de máis abaixo.

Se vos apetece ler os textos, están extraídos dos libros Linguaxes dixitais e A (des)memoria, así como do micropoemario De nome propio, Alois, que podedes ler premendo na ligazón de cada título.

Este vídeo foi posibilitado pola AELG, que realizou este traballo ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 e coa cámara e edición de Xosé Antón Bocixa Rei. Moitas grazas a todos!

Día do libro, libro e poema novo no WordPress

Hoxe, é o día do libro. Celebrade este día agasallando libros, mais non vos esquezades de que calquera día do ano acepta este tipo de regalo.

Eu, agasállovos un novo poema, recollido no meu libro A (des)memoria. Este texto, podedes lelo premendo aquí. Chámase «O amor» e foi escollido polos membros de AGADEA para facer un exercicio moi especial. Decidiron usar un dos poemas deste libro para imprimir marcapáxinas que decoraron os usuarios con alzhéimer que traballan en contra dos estragos desta enfermidade. Imprimiron estes complementos para a lectura, os afectados foron quen os decoraron e ao longo do día de hoxe repartiranse nas librarías galegas coas que traballa a asociación. Se tendes unha preto, podedes ser os privilexiados que reciban cousas coma estas:

Moitísimas grazas a AGADEA, así como aos e ás artistas que hai detrás!

Se queredes mercar A (des)memoria (ou Linguaxes dixitais, que aínda teño algún exemplar) asinado, lembrade que o podedes facer neste mesmo WordPress, como explico aquí.

A (des)memoria en Carballo

Carballo é unha vila que só coñezo de pasar. Agora, o ambiente literario parece que se atopa en plena efervescencia. Non só por isto, gústame anunciar a próxima parada con A (des)memoria. Ademais, estarei cunha compañeira que me resolveu moitas dúbidas na vida (e as que lle quedan!). Agora tocará que eu responda cousas sobre o meu poemario?

Anotade a data, vinde tomar algo ao Casino e difundide aos coñecidos da zona! Tamén vos deixo o evento do Facebook.

Moncho Bouzas fala sobre A (des)memoria

Creo que hai que ser agradecida nesta vida, sobre todo cando se superan as dificultades dos formatos de publicación. Xa cando lancei Linguaxes dixitais, anunciara por aquí unha crítica de Paco Vázquez (Chantada) no seu Facebook. Por iso, quero recoller hoxe unha que me dedicou Moncho Bouzas cunhas bonitas palabras sobre A (des)memoria.

Aquí vola comparto, moi agradecida! Dende xa forma parte de «O que se fala do libro», con moito orgullo.

Lembrade que podedes mercar o poemario neste WordPress e recibilo asinado: para vós ou para agasallar!

Vivir da escrita: un alto até aninovo

Anunciei hai tempo que A (des)memoria chegaría a Betanzos. Isto poñíame moi feliz porque Linguaxes dixitais non fora coñecer esta vila. Os meus avós naceron na contorna betanceira. Por iso, na presentación deume tempo a falar deles e da zona, así como da miña relación con eses espazos ou con eles.

Aquí vai unha foto tirada por un asistente ao evento (moitas grazas!), en que saímos Tito e mais eu presentando os nosos libros.

Unha das preguntas que me fan máis a miúdo as persoas que non están próximas á escrita é se isto dá para vivir. Non só non chega para iso, senón que non abonda para cubrir os gastos. Na actualidade, eu paguei moitos máis euros dos que recibín polos libros que me movo para dar a coñecer na Galiza inmensa. Aínda tería que vender moitísimos para cubrir esa inversión en min e na cultura en que creo. Cuestión aparte sería chegar a cubrir os gastos de gasolina, de tempo, de peaxes e de oficio de escrita (porque non se chega a un libro así sen máis, tamén cómpre traballalo e iso foron moitísimas horas da miña vida).

Nas persoas coma ti está o apoio necesario á cultura para que as persoas coma nós poidamos seguir movendo os nosos libros sen arruinarnos demasiado. Se podes ir a eventos culturais, vai. Se che interesa, comparte para que máis xente vaia. Se che gusta minimamente a produción, cómpraa e dálle unha oportunidade. Se pensas que alguén que coñeces pode estar interesado, agasállalle un libro. Gañarás experiencia e cultura e farás porque outros tamén adquiran iso.

A (des)memoria ten que facer un alto até aninovo. A súa autora vai ser intervida nun proceso cirúrxico e o poemario non se moverá só até entón. Xa hai datas agardando en 2022, así que preparade axendas. Con todo, podedes seguir mercando o libro a través deste WordPress e faréivolo chegar asinado, correndo eu cos gastos de Correos (outra perda máis contra a que loito!).

Grazas.

Conversa poética e social no Servizo de Normalización Lingüística da Coruña

Lembrades a miña visita ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) que vos contei hai nadiña aquí? Pois hoxe recollemos froitos con sabor! Acaban de publicar un resumo de todo o que falamos ese día na súa páxina e nas súas redes. Como se tratan temas de Linguaxes dixitais e de A (des)memoria, engadirei este artigo nas dúas seccións «O que se fala do libro» respectivas de cada lapela. Mais, en realidade, nesta conversa reflíctese moitísimo máis contido que literario, afondando en temas que me ocupan tanto como a educación ou a historia.

Podedes ler o resultado desta conversa poética nesta ligazón ou premendo sobre a imaxe de abaixo. Recoméndovos tamén que procuredes outros encontros anteriores, que forman parte da serie «Na lingua que eu falo», que intenta pór en destaque a persoas da contorna coruñesa que falan, expresan ou traballan en galego.

Moitísimas grazas á SNL, agardo que gostedes do seu traballo e poder volver axiña ao Ágora a parolar con eles!