A un paso!

Veño de recoller a proba previa a que entre ao prelo A (des)memoria. Só resta un paso para que o que teña nas mans sexa o de verdade.

#DesconfinarALingua

Dende a Biblioteca, convidáronme a participar neste proxecto para desconfinar a lingua. A el, sumáronse máis compañeiras e compañeiros das letras galegas.

Podedes ver máis información sobre o proxecto premendo aquí.

Ademais, recordade que está dispoñíbel como préstamo o meu Linguaxes dixitais, que forma parte do arquivo da biblioteca Ágora e que podedes solicitar dende toda a súa rede de bibliotecas!

Moi agradecida por celebrar o día das Letras tamén confinada!

Café, zume e cebolas: novo poema!

Hoxe, cúmprense 30 anos da caída do muro de Berlín. Supoño que este tipo de derrubamentos deberían ter consecuencias nos actos posteriores. Nas conciencias, nas reflexións… Non sei, nas urnas. Na memoria. En definitiva, na historia que construímos e derruímos.

Pensando sobre isto, lembrei que hai un poema que escribín hai dous anos e medio no cal nomeo a East Side Gallery. Inédito, pois, decidín que non habería mellor día para partillar un texto coma este. Sobre todo por dúas razóns. A primeira é que xa algún de vós me dixestes que ultimamente non subo textos novos nin publico libros novos (a ver, disto non teño eu a culpa!). A segunda é que neste novo poema conviven varios espazos, varias persoas e varias lembranzas. E caben. O máis bonito é que, se ordenamos ben os versos, caben todas esas cousas que semellaban tan afastadas entre si.

Con todo, púxenlle un título só para poder engadirlle á lapela. Porque, en realidade, estas memorias non teñen un título: teñen unha pel.

Lede aquí o novo poema!👈🏼

Pousa-copos poéticos

O pasado 17 de maio, celebramos a festa das letras con poesía e con música. Dende a organización, fíxose posíbel que moitos dos asistentes levasen para casa pousa-copos con poemas dos poetas que recitaron ao longo do acto. No meu caso, o poema elixido foi o que abre Linguaxes dixitais e, consecuentemente, a primeira parte do libro (linguaxes corporais).

Comparto aquí o poema, que comeza co verso: «Fozabas en min a lingua». 👈

Grazas a todas as persoas que o fixestes posíbel.

Foto do pousa-copos co meu poema, lembranza do acto.