Ninguén poderá sandar

Publico un novo poema que pertence ao poemario Linguaxes dixitais.

Pode que sexa  este o poema do libro máis complexo de recitar. Podedes lelo na seguinte ligazón (ou na páxina 17 do formato físico en papel):

Ninguén poderá sandar

Hubble, European Space Agency (ESA), Akira Fujii
Hubble, European Space Agency (ESA), Akira Fujii
Advertisements

Linguaxes dixitais en Filloas.gal

Unha nova recensión sobre Linguaxes dixitais acaba de saír do forno! E non podería ulir mellor nin chegar máis cargada de amor, de cariño e de tenrura.

O autor é Amador Castro Moure e a podedes ler na súa páxina Filloas.gal. Alí escribe de todo un pouco, sempre cunha sensibilidade característica e especial onde a poesía cabe sempre, até cando o texto xorde dun cigarro no descaso laboral. Ademais, podedes gozar da súa escrita no blog en galego e en català (tamén ten novelas traducidas ao español)!

Non podo estar máis feliz ao compartir este novo comentario do meu libro, que continúa a percorrer lectores!

Entrevista en Lecturafilia

En Lecturafilia, ademais do comentario do meu poemario, tamén me fixeron unha entrevista na que falo de Linguaxes dixitais e do percorrido que fixen coa poesía dende os seis anos! As preguntas foron xerais e concretas, afondando en certas cuestións e deixando pairar moitas outras. Botádelle un ollo!

Linguaxes dixitais en Lecturafilia

Na lapela de Linguaxes dixitais xa se pode chegar mediante unha ligazón ás palabras que recolle Lecturafilia para o poemario.

Un pracer que o libro goste e que se lle adiquen verbas.

Que continúe a poesía!

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis

Aínda que a venda e lanzamento de Linguaxes dixitais tivo esta tempada un oco moi amplo nesta páxina e na miña vida, o mundo continúa!

Vén de publicarse o número 21 de Madrygal, que se coordina na Universidad Complutense de Madrid (UCM). Nesta revista, participo como creadora e como investigadora. Curiosamente, ambas achegas están ligadas ao mes de decembro. Non ha mellor momento para partillarvos esta nova. Convídovos a ler ambas e a botar un ollo tamén no resto de colaboracións que non son da miña autoría.

Podedes consultar a revista completa en formato dixital aquí.

O micropoemario co que participei, podedes lelo nesta mesma páxina.

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis!

Presentación na Coruña

Xentiña, que resta unha semana!

A próxima sexta feira, 14 de decembro, vémonos na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.

Podedes ir lendo un dos poemas do libro nesta ligazón, ademais de ver os tres videopoemas que teño xa na miña canle de YouTube, aos que podedes acceder dende esta outra ligazón.

Anotade na axenda ou no calendario do Facebook!

Vinde!

photo_2018-11-18_15-23-22

O meu París

En abril do 2012, coñecín París. Uns meses máis tarde, unha proposta lúdico-literaria fíxome escribir sobre unha cidade que coñecese. Decidín contar o que fora o meu París.

Non sei se me apetece sopa, zume ou que demo pasa pola miña cabeza, mais hai uns días lembreime deste poema e non o atopaba por ningures. Pensei que estaba perdido de verdade. Ao cabo, dei con el.

Sei que non é unha marabilla, mais é o meu París.

Terceiro videopoema de Linguaxes dixitais

Cando ía en sexto de primaria, tiven un mestre que viu moito potencial matemático en min. Ensinoume a resolver problemas que non lembro, a prender un cigarro sen chisqueiro e a facer unha casa de campo con tellado a dúas augas de proporcións exactas en escala pequena. Eu sempre pensei que no xardín que non coloreei habería ratos e non me convencía nada vivir alí.

Cando cheguei ao instituto, acompañoume ao longo de catro anos un profesor que estaba obsesionado con que eu estudase Arquitectura. Sempre que me devolvía a última lámina de Educación Plástica e Visual, todos os xuños (todos), preguntábame se aínda pensaba que non podía estudar unha carreira técnica. Obviamente, eu respondía que non dun xeito moi rotundo, pois tiña claro que quería estudar Literatura. El ensinoume que a arquitectura ten que acomodarse ao emprazamento. Na Galiza, os tellados precisan que a choiva esvare a catro augas. Tamén foi el quen me ensinou que máis importante que trazar casas enxeñadas era alzar o fogar propio.

Gustaríame saber que pensaría este profesor a día de hoxe, cando levo anos traballando a arquitectura dende o campo da creación poética e dende o da investigación. Cando descubrín hai pouco tempo nun caderno antigo que xa de pícara falaba (probabelmente na primeira redacción da miña vida) do que chamei entón «a arquitectura do texto». Ao final, creo que tivo el razón. Levo estudando arquitectura toda a vida.

Con este terceiro videopoema de Linguaxes dixitais, volvo a eses debuxos que menciono nos parágrafos anteriores e remato xa os agasallos publicitarios do poemario. Se o queres mercar, aínda estás en tempo (por poucos días), seguindo os pasos que indico aquí.

Segundo videopoema de Linguaxes dixitais

Segunda chamada!

Como xa anunciaba, podedes mercar o meu poemario Linguaxes dixitais mediante PayPal.

Agora, xa está dispoñíbel o segundo videopoema que preparei con todo o amor do mundo para darlle difusión ao libro.

Se gostas do vídeo, agradezo que axudes coa publicidade.