A un paso!

Veño de recoller a proba previa a que entre ao prelo A (des)memoria. Só resta un paso para que o que teña nas mans sexa o de verdade.

«Com xicoia en flor», día mundial da voz

Hoxe, 16 de abril, é o día mundial da voz.

Supoño que este día será celebrado por comunidades que teñan a ver coa otorrinolaringoloxía, logopedias, disfonías, afonías… Mais a voz cultural e poética tamén forma parte de manifestacións. Procuramos tamén a visibilidade da nosa voz. E o respecto.

Dende que comezou o confinamento por mor do coronavirus, foron moitas e moitos artistas e xente da cultura en xeral quen se sumaron a poñerlle voz ao movemento: eu tamén son traballadora cultural. Abofé, o que se está a facer é loitar por unha voz, porque (como coa afonía) téñennos apagados.

Dende a literatura galega, traballamos por estender as nosas fronteiras e por nutrir as nosas creacións. Xogamos, porén, nun conflito literario desigual, que sufrimos en silencio. Nós traducimos obras a outras linguas, mais non somos traducidos.

Como chegar sen voz propia e sen que ninguén nos preste a súa? Como sobrevivir sen apoios?

Precisamente, para abrir fronteiras e presentar o traballo propio a lectores doutra nación con intereses en común, fixen unha outra versión de «Como tarrelo en flor», un dos videopoemas que montei para promocionar o meu poemario Linguaxes dixitais.

Déixovos esta nova versión, «Com xicoia en flor» para que a mandedes a persoas que coñezades en Catalunya, para darme voz; para darnos voz; para chegar a novos lugares; para non parar a cultura; para recoñecérmonos. Porque eu tamén traballo para a cultura, non me canceles.

Grazas a todos vós se dades voz. Grazas a Amador por me prestar a súa.

Pousa-copos poéticos

O pasado 17 de maio, celebramos a festa das letras con poesía e con música. Dende a organización, fíxose posíbel que moitos dos asistentes levasen para casa pousa-copos con poemas dos poetas que recitaron ao longo do acto. No meu caso, o poema elixido foi o que abre Linguaxes dixitais e, consecuentemente, a primeira parte do libro (linguaxes corporais).

Comparto aquí o poema, que comeza co verso: «Fozabas en min a lingua». 👈

Grazas a todas as persoas que o fixestes posíbel.

Foto do pousa-copos co meu poema, lembranza do acto.

Linguaxes dixitais en Filloas.gal

Unha nova recensión sobre Linguaxes dixitais acaba de saír do forno! E non podería ulir mellor nin chegar máis cargada de amor, de cariño e de tenrura.

O autor é Amador Castro Moure e a podedes ler na súa páxina Filloas.gal. Alí escribe de todo un pouco, sempre cunha sensibilidade característica e especial onde a poesía cabe sempre, até cando o texto xorde dun cigarro no descaso laboral. Ademais, podedes gozar da súa escrita no blog en galego e en català (tamén ten novelas traducidas ao español)!

Non podo estar máis feliz ao compartir este novo comentario do meu libro, que continúa a percorrer lectores!