Entrevista radiofónica para Sempre en Galicia

Onte, no programa de Sempre en Galicia, participei a través dunha entrevista radiofónica. Podedes escoitala premendo aquí e buscando a icona de play que hai ao lado da miña foto (33 minutos, 28 segundos). Tamén podedes chegar a ela premendo na seguinte imaxe.

https://semprengalicia.blogspot.com/2022/04/sabado-23-de-abril-do-2022.html?spref=fb

Nesta entrevista, afondamos sobre A (des)memoria e a importancia de tratar estes temas, tamén na literatura. Lembrade que podedes comprar o libro a través deste WordPress e enviareino asinado ao enderezo postal que prefirades, así como en calquera libraría.

Recordade tamén que podedes recibir todas as novas que pendure neste WordPress se deixades o voso enderezo electrónico na páxina de inicio, á dereita, onde se solicita.

O día do libro debería ser sempre! Non deixedes de investir en cultura.

Día do libro, libro e poema novo no WordPress

Hoxe, é o día do libro. Celebrade este día agasallando libros, mais non vos esquezades de que calquera día do ano acepta este tipo de regalo.

Eu, agasállovos un novo poema, recollido no meu libro A (des)memoria. Este texto, podedes lelo premendo aquí. Chámase «O amor» e foi escollido polos membros de AGADEA para facer un exercicio moi especial. Decidiron usar un dos poemas deste libro para imprimir marcapáxinas que decoraron os usuarios con alzhéimer que traballan en contra dos estragos desta enfermidade. Imprimiron estes complementos para a lectura, os afectados foron quen os decoraron e ao longo do día de hoxe repartiranse nas librarías galegas coas que traballa a asociación. Se tendes unha preto, podedes ser os privilexiados que reciban cousas coma estas:

Moitísimas grazas a AGADEA, así como aos e ás artistas que hai detrás!

Se queredes mercar A (des)memoria (ou Linguaxes dixitais, que aínda teño algún exemplar) asinado, lembrade que o podedes facer neste mesmo WordPress, como explico aquí.

POEMA DE DENUNCIA DO 2016 QUE DEBERÍA DEIXAR DE SER RECITADO

No ano 2016 (pode que antes), escribín un poema non sei onde e non sei para que evento, que despois perdín. Hoxe, recupereino grazas a unha amiga escritora que me dixo que este texto lle acompaña sempre, porque me coñeceu mentres o recitaba e porque lle gustou moito.

Por todas estas cousas, decidín rescatalo e compartilo tamén con vós. O texto é vello, mais a temática non caduca.

Podedes lelo premendo aquí ou sobre o seguinte título.

Clara Vidal escribe un poema sobre a historia, a guerra, a imposición, a barbarie... O texto é vello, mais a temática non caduca.

Un segredo sobre A (des)memoria

A (des)memoria é un poemario que ten consistencia por si mesmo. Non necesita ser a realidade máxima a que permita o froito da miña inspiración. Sempre comento que a literatura é ficción. A pesar de todas as vivenzcias cruelmente reais que me relacionan con este libro, el funciona só. Moitas veces, o que creamos é o resultado dun traballo arquitectónico onde se buscan as pezas que funcionen, que fagan aos poemas seren libro. Viviren sen nós, quen escribimos.

Nesta obra, hai algún poema que non foi escrito pensando na miña avoa (que, en realidade, protagoniza o pensamento que me levou a volver tinta a meirande parte deles, si, mais non todos!). Aínda así, o poemario funciona. Até tal punto, que é posíbel que sexa a realidade 100 % doutras persoas. En parte, tamén a miña. Por iso, sen sabelo, pedíronme que lese este texto do que vos vou falar para o ZigZag. O desexo era ler poemas que reflectisen a intención, temática e estilo do libro. Libro que supostamente versaba sobre a miña avoa. En realidade, sobre calquera persoa con alzhéimer, porque as experiencias son compartidas para familiares e enfermos. Podedes ver o recitado aquí. Este feito fíxome darme conta de que conseguira o que pretendía: ter un libro redondo, que funcione por si mesmo. O que hai de verdade ou de ficción detrás non importa, xa que funciona.

O último poema da’A (des)memoria xerouse grazas a pensar na mesma persoa á que adico o libro. Ela abre e pecha o poemario, igual que abriu e pechará a miña relación coa miña avoa, que conforma o miolo das páxinas. Hoxe, fai anos. Grazas e parabéns.

A (des)memoria en Carballo

Carballo é unha vila que só coñezo de pasar. Agora, o ambiente literario parece que se atopa en plena efervescencia. Non só por isto, gústame anunciar a próxima parada con A (des)memoria. Ademais, estarei cunha compañeira que me resolveu moitas dúbidas na vida (e as que lle quedan!). Agora tocará que eu responda cousas sobre o meu poemario?

Anotade a data, vinde tomar algo ao Casino e difundide aos coñecidos da zona! Tamén vos deixo o evento do Facebook.

A (des)memoria no ZigZag

Hai uns días, tiven a sorte de abrir as portas do meu fogar a un equipo moi especial: o marabilloso entrevistador Ángel Suanzes e o seu compañeiro cámara (de quen lamento non lembrar o nome). Desa mañá, sae este traballo que se emitiu no ZigZag hoxe, 17 de marzo do 2022.

Moi agradecida e desexando outra experiencia moi axiña, déixovos o vídeo. Premede na seguinte imaxe ou na ligazón de abaixo.

https://www.g24.gal/-/a-des-memoria-un-poemario-arredor-do-alzheimer?p_l_back_url=%2Fsearch%3Fq%3DClara%2BVidal

Versos fronte ao esquecemento, en La Opinión

Se paras para tomar un café e suxeitas o xornal coa man que non terma da cunca, hoxe atoparás en La Opinión da Coruña este artigo sobre A (des)memoria e Cartas dende o esquenzo.

O coidado artigo de María de la Huerta é unha cita para hoxe, día 17 de marzo, ás 18:00 na Fundación Barrié da Coruña.

E ollo, porque haberá máis sorpresas antes desta cita! A iso das 16:35, sintoniza TVG2!

A (des)memoria da man de Cartas dende o esquenzo

Como xa comentei noutra publicación, a experiencia en Santiago de Compostela nas instalacións de AGADEA foi magnífica. Aquí abaixo vos deixo unhas imaxes dese día. Agradezo moito ás fotógrafas que inmortalizasen ese momento!

Mais, antes de pasar ás fotos, cómpre lembrar que a experiencia destes dous poemarios sobre o alzhéimer se repetirá o próximo xoves 17 na Coruña. Aquí tendes o evento do Facebook. Non faltedes!

A (des)memoria repite en Coruña

Onte, A (des)memoria viaxou para coñecer Santiago de Compostela nun lugar moi especial. A presentación foi en AGADEA, nunhas instalacións que se empregan a diario para facer exercicios cognitivos con persoas con alzhéimer en diferentes estadios. Dúas mulleres pacientes agasalláronme coa lectura dalgún dos meus poemas. Tamén a Baldo cos seus.

Foi, sen dúbida, unha das mellores experiencias literarias que experimentei na vida, tamén grazas ao público cómplice, emotivo e atento, a Isabel Gey, á xenerosísima lectura poética e acollida da presentación de Ánxela Gracián e a Baldo Ramos, que compartiu textos de dous poemarios seus en que aborda a memoria.

O meu novo poemario ten sentido en espazos así e con compañías así. Por iso, a nova data é o próximo 17 de marzo na Coruña, nas céntricas instalacións da fundación Barrié, mais co apoio da  Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer (AFACO) da Coruña. Teño a sorte de contar de novo coa presenza de Baldo Ramos.

Vindes?