Vémonos mañá en Carral e na Agra do Orzán (Coruña)

Mañá, o meu día estará cargado de poesía.

Ao mediodía (13:00), estarei conversando con Miriam Ferradáns e Xerardo Quintiá porque eu Chámome poeta e preséntome a concursos. Moderará este encontro Dores Tembrás. Celebrarase o evento na casa da cultura de Carral.

Máis tarde, ás 20:00, conversarei sobre o meu libro A (des)memoria con Tito Pérez. Será na asociación de veciños Agra do Orzán (A Coruña), como xa vos contara aquí.

Vémonos?

Pausa para máis!

A (des)memoria chegou a Palavea (A Coruña) o pasado venres 27 de maio, para cerrar o mes das letras. Porén, as letras galegas continúan activas todo o ano.

Pola miña banda, o meu poemario e mais eu estamos sen novas paradas á vista. Durante este descanso, haberá que aproveitar para recuperar forzas para o que veña. Continuarei enviando e asinando libros á xente que o compre a través deste meu WordPress. Tamén podedes seguir a ver os meus videopoemas.

Até ter máis novas, déixovos con fotos que me tirou o pasado venres Nachok. Moi agradecida pola súa mirada fotográfica e escoita poética. Recordade que se deixades o voso enderezo electrónico á dereita desta páxina, poderedes recibir na caixa do correo con cada nova entrada.

A (desmemoria) en Sempre en Galicia por Luís Losada

Luís Losada falou dende Pontevedra e para Barcelona e o mundo sobre A (des)memoria no programa Sempre en Galicia da Ràdio Cornellà. Podedes escoitar aquí o programa. A súa aportación aparece ao final. Podedes premer directamente ao lado da capa do meu libro no play que dura 19:26.

É un bo resumo do que significa este poemario para min e moitas persoas. Poñédeo!

Tamén, coma sempre, grazas ás persoas que hai detrás, ofrecendo achegas galegas en Catalunya. En especial, grazas a Xulio Couxil.

A seguinte imaxe tamén dirixe ao blog onde está pendurada a gravación.

A (des)memoria en Palavea

Esta semana vai estar chea aínda de Letras Galegas. Precisamente para cerrar o mes das letras, convidáronme dende a Asociación Campo de Pena de Palavea a presentar a miña obra poética. Podedes verme no centro cívico o próximo venres 27 de maio ás 18:30.

Podes acceder ao evento do Facebook premendo aquí.

Marcapáxinas até esgotarmos existencias!

Hai uns días, contábavos que AGADEA agasallaba polo día do libro nas librarías galegas que colaboran coa asociación diferentes marcapáxinas adobiados por enfermos de alzhéimer que traballan a diario nas súas instalacións de Santiago de Compostela. Hoxe, recibín na miña caixa de correo algún exemplar destas obras de arte únicas.

O poema que levan é este, que foi escollido pola directiva da asociación, co meu permiso porque lles gustaba ese texto en concreto. De mil amores, cedino para que as persoas que realizan actividades cognitivas puidesen botar a súa arte sobre a capa de A (des)memoria ou este textiño.

Cada marcapáxinas é único e por iso custa o xesto de desprenderse. Mais eles desprendéronse enviando exemplares ás librarías galegas. Tamén por iso, se compras o teu poemario neste WordPress, até esgotar existencias, enviareiche un marcapáxinas dos que me mandaron, se o queres.

Recorda que podes comprar o libro na lapela de A (des)memoria, cubrindo o formulario.

https://claravidalpoemas.wordpress.com/a-desmemoria/o-amor/

A literatura galega na miña voz

Tiven a sorte de que a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) contase comigo para recitar algúns poemas propios. Xa o podedes ver no vídeo de máis abaixo.

Se vos apetece ler os textos, están extraídos dos libros Linguaxes dixitais e A (des)memoria, así como do micropoemario De nome propio, Alois, que podedes ler premendo na ligazón de cada título.

Este vídeo foi posibilitado pola AELG, que realizou este traballo ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 e coa cámara e edición de Xosé Antón Bocixa Rei. Moitas grazas a todos!

Entrevista radiofónica para Sempre en Galicia

Onte, no programa de Sempre en Galicia, participei a través dunha entrevista radiofónica. Podedes escoitala premendo aquí e buscando a icona de play que hai ao lado da miña foto (33 minutos, 28 segundos). Tamén podedes chegar a ela premendo na seguinte imaxe.

https://semprengalicia.blogspot.com/2022/04/sabado-23-de-abril-do-2022.html?spref=fb

Nesta entrevista, afondamos sobre A (des)memoria e a importancia de tratar estes temas, tamén na literatura. Lembrade que podedes comprar o libro a través deste WordPress e enviareino asinado ao enderezo postal que prefirades, así como en calquera libraría.

Recordade tamén que podedes recibir todas as novas que pendure neste WordPress se deixades o voso enderezo electrónico na páxina de inicio, á dereita, onde se solicita.

O día do libro debería ser sempre! Non deixedes de investir en cultura.

Día do libro, libro e poema novo no WordPress

Hoxe, é o día do libro. Celebrade este día agasallando libros, mais non vos esquezades de que calquera día do ano acepta este tipo de regalo.

Eu, agasállovos un novo poema, recollido no meu libro A (des)memoria. Este texto, podedes lelo premendo aquí. Chámase «O amor» e foi escollido polos membros de AGADEA para facer un exercicio moi especial. Decidiron usar un dos poemas deste libro para imprimir marcapáxinas que decoraron os usuarios con alzhéimer que traballan en contra dos estragos desta enfermidade. Imprimiron estes complementos para a lectura, os afectados foron quen os decoraron e ao longo do día de hoxe repartiranse nas librarías galegas coas que traballa a asociación. Se tendes unha preto, podedes ser os privilexiados que reciban cousas coma estas:

Moitísimas grazas a AGADEA, así como aos e ás artistas que hai detrás!

Se queredes mercar A (des)memoria (ou Linguaxes dixitais, que aínda teño algún exemplar) asinado, lembrade que o podedes facer neste mesmo WordPress, como explico aquí.

POEMA DE DENUNCIA DO 2016 QUE DEBERÍA DEIXAR DE SER RECITADO

No ano 2016 (pode que antes), escribín un poema non sei onde e non sei para que evento, que despois perdín. Hoxe, recupereino grazas a unha amiga escritora que me dixo que este texto lle acompaña sempre, porque me coñeceu mentres o recitaba e porque lle gustou moito.

Por todas estas cousas, decidín rescatalo e compartilo tamén con vós. O texto é vello, mais a temática non caduca.

Podedes lelo premendo aquí ou sobre o seguinte título.

Clara Vidal escribe un poema sobre a historia, a guerra, a imposición, a barbarie... O texto é vello, mais a temática non caduca.