Marcapáxinas até esgotarmos existencias!

Hai uns días, contábavos que AGADEA agasallaba polo día do libro nas librarías galegas que colaboran coa asociación diferentes marcapáxinas adobiados por enfermos de alzhéimer que traballan a diario nas súas instalacións de Santiago de Compostela. Hoxe, recibín na miña caixa de correo algún exemplar destas obras de arte únicas.

O poema que levan é este, que foi escollido pola directiva da asociación, co meu permiso porque lles gustaba ese texto en concreto. De mil amores, cedino para que as persoas que realizan actividades cognitivas puidesen botar a súa arte sobre a capa de A (des)memoria ou este textiño.

Cada marcapáxinas é único e por iso custa o xesto de desprenderse. Mais eles desprendéronse enviando exemplares ás librarías galegas. Tamén por iso, se compras o teu poemario neste WordPress, até esgotar existencias, enviareiche un marcapáxinas dos que me mandaron, se o queres.

Recorda que podes comprar o libro na lapela de A (des)memoria, cubrindo o formulario.

https://claravidalpoemas.wordpress.com/a-desmemoria/o-amor/

A literatura galega na miña voz

Tiven a sorte de que a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) contase comigo para recitar algúns poemas propios. Xa o podedes ver no vídeo de máis abaixo.

Se vos apetece ler os textos, están extraídos dos libros Linguaxes dixitais e A (des)memoria, así como do micropoemario De nome propio, Alois, que podedes ler premendo na ligazón de cada título.

Este vídeo foi posibilitado pola AELG, que realizou este traballo ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 e coa cámara e edición de Xosé Antón Bocixa Rei. Moitas grazas a todos!

Presentación en Betanzos

Aproveita esta fin de semana para descansar e aguantar até tarde o luns na rúa!

Se estás en Betanzos o día 22 de novembro, ven á presentación destes dous libros. Poesía e novela, temáticas sociais presentes en todos e nun bar para poder escoitar tomando unha birra…

Anota na túa axenda!

Evento no Facebook.