Versos fronte ao esquecemento, en La Opinión

Se paras para tomar un café e suxeitas o xornal coa man que non terma da cunca, hoxe atoparás en La Opinión da Coruña este artigo sobre A (des)memoria e Cartas dende o esquenzo.

O coidado artigo de María de la Huerta é unha cita para hoxe, día 17 de marzo, ás 18:00 na Fundación Barrié da Coruña.

E ollo, porque haberá máis sorpresas antes desta cita! A iso das 16:35, sintoniza TVG2!

A (des)memoria da man de Cartas dende o esquenzo

Como xa comentei noutra publicación, a experiencia en Santiago de Compostela nas instalacións de AGADEA foi magnífica. Aquí abaixo vos deixo unhas imaxes dese día. Agradezo moito ás fotógrafas que inmortalizasen ese momento!

Mais, antes de pasar ás fotos, cómpre lembrar que a experiencia destes dous poemarios sobre o alzhéimer se repetirá o próximo xoves 17 na Coruña. Aquí tendes o evento do Facebook. Non faltedes!

A (des)memoria repite en Coruña

Onte, A (des)memoria viaxou para coñecer Santiago de Compostela nun lugar moi especial. A presentación foi en AGADEA, nunhas instalacións que se empregan a diario para facer exercicios cognitivos con persoas con alzhéimer en diferentes estadios. Dúas mulleres pacientes agasalláronme coa lectura dalgún dos meus poemas. Tamén a Baldo cos seus.

Foi, sen dúbida, unha das mellores experiencias literarias que experimentei na vida, tamén grazas ao público cómplice, emotivo e atento, a Isabel Gey, á xenerosísima lectura poética e acollida da presentación de Ánxela Gracián e a Baldo Ramos, que compartiu textos de dous poemarios seus en que aborda a memoria.

O meu novo poemario ten sentido en espazos así e con compañías así. Por iso, a nova data é o próximo 17 de marzo na Coruña, nas céntricas instalacións da fundación Barrié, mais co apoio da  Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer (AFACO) da Coruña. Teño a sorte de contar de novo coa presenza de Baldo Ramos.

Vindes?