Un segredo sobre A (des)memoria

A (des)memoria é un poemario que ten consistencia por si mesmo. Non necesita ser a realidade máxima a que permita o froito da miña inspiración. Sempre comento que a literatura é ficción. A pesar de todas as vivenzcias cruelmente reais que me relacionan con este libro, el funciona só. Moitas veces, o que creamos é o resultado dun traballo arquitectónico onde se buscan as pezas que funcionen, que fagan aos poemas seren libro. Viviren sen nós, quen escribimos.

Nesta obra, hai algún poema que non foi escrito pensando na miña avoa (que, en realidade, protagoniza o pensamento que me levou a volver tinta a meirande parte deles, si, mais non todos!). Aínda así, o poemario funciona. Até tal punto, que é posíbel que sexa a realidade 100 % doutras persoas. En parte, tamén a miña. Por iso, sen sabelo, pedíronme que lese este texto do que vos vou falar para o ZigZag. O desexo era ler poemas que reflectisen a intención, temática e estilo do libro. Libro que supostamente versaba sobre a miña avoa. En realidade, sobre calquera persoa con alzhéimer, porque as experiencias son compartidas para familiares e enfermos. Podedes ver o recitado aquí. Este feito fíxome darme conta de que conseguira o que pretendía: ter un libro redondo, que funcione por si mesmo. O que hai de verdade ou de ficción detrás non importa, xa que funciona.

O último poema da’A (des)memoria xerouse grazas a pensar na mesma persoa á que adico o libro. Ela abre e pecha o poemario, igual que abriu e pechará a miña relación coa miña avoa, que conforma o miolo das páxinas. Hoxe, fai anos. Grazas e parabéns.

Versos fronte ao esquecemento, en La Opinión

Se paras para tomar un café e suxeitas o xornal coa man que non terma da cunca, hoxe atoparás en La Opinión da Coruña este artigo sobre A (des)memoria e Cartas dende o esquenzo.

O coidado artigo de María de la Huerta é unha cita para hoxe, día 17 de marzo, ás 18:00 na Fundación Barrié da Coruña.

E ollo, porque haberá máis sorpresas antes desta cita! A iso das 16:35, sintoniza TVG2!

A (des)memoria da man de Cartas dende o esquenzo

Como xa comentei noutra publicación, a experiencia en Santiago de Compostela nas instalacións de AGADEA foi magnífica. Aquí abaixo vos deixo unhas imaxes dese día. Agradezo moito ás fotógrafas que inmortalizasen ese momento!

Mais, antes de pasar ás fotos, cómpre lembrar que a experiencia destes dous poemarios sobre o alzhéimer se repetirá o próximo xoves 17 na Coruña. Aquí tendes o evento do Facebook. Non faltedes!