Clara Vidal, 1° premio no XXXVII certame de poesía Rosalía de Castro de Cornellá

Despois de acadar o 2° premio deste mesmo certame hai dous anos coa obra A formación dos continentes, conseguín o primeiro galardón este ano.

Coma sempre, toca agradecer aos membros do xuri, á asociación e a todas as persoas ou organizacións que facilitaron que isto sexa posíbel. É moi importante poder participar con poemas soltos ou conxunto de poemas que conformen micropoemarios que poidan ser recoñecidos desta maneira.

Ademais, cada cinco anos, publícase un libro que contén os poemas e micropoemarios premiados dos últimos cinco anos, onde aparecerei dúas veces! Agardo esta publicación con ansia para o próximo 2024! Pola miña banda e para que o meu poema percorra máis quilómetros, engadirei neste WordPress os versos que me fixeron ser parte da acta que vos pego aquí con este poema titulado «A luz ignota». Grazas!

A (des)memoria en Santiago de Compostela

A (des)memoria vai coñecer Santiago de Compostela nun espazo moi especial e nunha compañía que tamén o é.

Concretamente, será nunha asociación que traballa a diario con persoas afectadas polo alzhéimer: enfermos e familias. Por iso, o meu poemario estará conversando da man de outra obra poética que tamén trata sobre este tema. Estarán presentándonos Ánxela Gracián e Isabel Gey.

Que mellor compañía para falar arredor dunha enfermidade que nos afecta tanto a todos?

Non dubides en partillar o cartaz coas persoas que coñeces que conviven con este problema.

Vai reservando o día e ven acompañarnos a Baldo Ramos e mais a min nesta cita poética na capital galega. Será o día 7 de marzo en AGADEA.

Poema de A (des)memoria

A (des)memoria leva na capa unha ilustración feita pola miña irmá en base a unha idea miña. A contraportada leva un poema que lle acae perfecto para comprender e completala. Podes ler este poema, «Intérprete», aquí.

Prevenda do meu novo poemario

Despois de moito tempo sen pronunciarme, o verán de 2021 vén cargado con novas. Concretamente, A (des)memoria. Algo que agardo que non sexa esquecido…

Inicio a prevenda do meu novo poemario na lapela que leva o seu nome. Preme, mércao e poderás lelo en poucos días!

Como aperitivo, podes ollar un videopoema que preparei cun dos textos do libro nesta ligazón.

Moitas grazas polo teu apoio, se decides darmo!

Entrevista para Palavra comum e novo poema

Grazas aos que xogastes ás adiviñas, mais o misterio do pelo Pantene non se resolveu en tempo. A sorpresa era esta!👇🏼

Aquí tendes unha entrevista de 8 preguntas que me fixo Estela Pan para Palavra comum a raíz desta escolma de sete poemas que me publicaron na revista. Nesa selección de poemas, había un de Linguaxes dixitais que aínda non estaba no WordPress, mais como o uso sempre nos recitais e conto sempre a historia que hai detrás do texto, decidín engadilo. Podedes lelo dende xa premendo aquí.

Alén disto, por se alguén quere máis información sobre as cousas ás que me refiro, na entrevista falo destes dous videopoemas: «Como a catro augas» e «O Verbo».

Agora si, déixovos co vídeo!

Combate poético na Coruña

O 25 de agosto de 2018 celebrouse na praza das Bárbaras da Coruña un combate poético. Sen Ánimo de Nome organizou por terceira vez na cidade do cristal esta batalla de versos á que fun convidada. As dúas veces anteriores, por non atoparme no país e serme imposíbel cadrar datas, non puiden asistir, mais á terceira chegou a vencida e non houbo escusa posíbel para non acudir cos meus poemas baixo o brazo!

Tiven o pracer de participar e compartir ring con quince escritores aos que a partir de agora non debo perder de vista. Pola miña banda, déixovos (queridísimas persoas lectoras que estades ao outro lado da pantalla) o poema que levei para a primeira rolda, que escribín no 2016 e que coido que non podería presentar un mellor formato que o recitado.

Xa teño os poemas preparados para a cuarta edición! Oxalá me pille na patria. Que os versos nos persigan polas rúas e polas prazas sempre!

Poema polo día da Patria (2018)

Poema sen título e un pouco improvisado sobre o día da Patria, no 25 de xullo do ano 2018.
Temática: poesía sobre a terra, a patria, Galiza, Santiago de Compostela, a praza do Obradoiro, o ceo e a noite compostelá.

De nome propio, Alois

 

Micropoemario gañador do primeiro premio no IV Certame de Poesía en Lingua Galega «Manuel María» (no 2016).
Publicado no Nº20 – XX – Xuño 2016 na revista Estadea (San Sebastián, Donostia).

Temática: poesía sobre alzhéimer, sobre memoria, sobre perda, sobre morte, sobre infancia e sobre Alois Alzheimer.