Clara Vidal, 1° premio no XXXVII certame de poesía Rosalía de Castro de Cornellá

Despois de acadar o 2° premio deste mesmo certame hai dous anos coa obra A formación dos continentes, conseguín o primeiro galardón este ano.

Coma sempre, toca agradecer aos membros do xuri, á asociación e a todas as persoas ou organizacións que facilitaron que isto sexa posíbel. É moi importante poder participar con poemas soltos ou conxunto de poemas que conformen micropoemarios que poidan ser recoñecidos desta maneira.

Ademais, cada cinco anos, publícase un libro que contén os poemas e micropoemarios premiados dos últimos cinco anos, onde aparecerei dúas veces! Agardo esta publicación con ansia para o próximo 2024! Pola miña banda e para que o meu poema percorra máis quilómetros, engadirei neste WordPress os versos que me fixeron ser parte da acta que vos pego aquí con este poema titulado «A luz ignota». Grazas!

2º premio no XXXV certame de poesía Rosalía de Castro de Cornellá

Hoxe, recibín unha chamada dun número descoñecido. Resulta que era un aviso de que o meu micropoemario con título A formación dos continentes e subtítulo «Xeoloxía de hai 200 millóns de anos en augas de Teixidelo (Cedeira, A Coruña)» era merecedor do segundo premio deste certame poético que xa alcanzou a súa XXXV edición.

Estou moi contenta e agradecida, desexando ver o micropoemario en papel na súa revista e cando se editen os premios de varios anos, dentro de algunhas edicións… Mentres, podedes lelo premendo aquí ou nas imaxes de abaixo.

A continuación, déixovos o ditame do xurado.

A foto da praia de Teixidelo (única praia de area negra non volcánica do mundo) pertence a Xee Fulgueiras.