Clara Vidal, 1° premio no XXXVII certame de poesía Rosalía de Castro de Cornellá

Despois de acadar o 2° premio deste mesmo certame hai dous anos coa obra A formación dos continentes, conseguín o primeiro galardón este ano.

Coma sempre, toca agradecer aos membros do xuri, á asociación e a todas as persoas ou organizacións que facilitaron que isto sexa posíbel. É moi importante poder participar con poemas soltos ou conxunto de poemas que conformen micropoemarios que poidan ser recoñecidos desta maneira.

Ademais, cada cinco anos, publícase un libro que contén os poemas e micropoemarios premiados dos últimos cinco anos, onde aparecerei dúas veces! Agardo esta publicación con ansia para o próximo 2024! Pola miña banda e para que o meu poema percorra máis quilómetros, engadirei neste WordPress os versos que me fixeron ser parte da acta que vos pego aquí con este poema titulado «A luz ignota». Grazas!

Clara Vidal gaña o XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Masaxe con argán mal pronunciada foi a obra que, aberta a plica, resultou gañadora do XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O libro será publicado no mes de maio do 2024 por Caldeirón.

Quero agradecer aos membros do xuri a súa elección e palabras adicadas á mesma. En breves, partillarei aquí o fallo que realizaron. É para min un pracer acadar un premio no único certame da Galiza que, ano tras ano, publica poemarios de temática erótica escritos en galego.

Deixo algunhas imaxes da recollida do premio, entregado na Cea das Letras en Malpica de Bergantiños o 11 de novembro de 2023. Cea na cal se me tratou como parte xa da familia Caldeirón!