Clara Vidal gaña o 3º premio Díaz Jácome de poesía no 2022

Tal e como anunciaban os medios na mañá do domingo, o día previo pola mañá chamábanme a min para comunicarme que a miña obra Os caracois alpinistas era a gañadora do terceiro premio do Díaz Jácome deste ano.

Moitas grazas ao concello de Mondoñedo por convocar anualmente este certame e ás persoas que elixiron estes textos para o premio! Haberá que intentar gañar o Manuel Leiras Pulpeiro (sen límite de idade), que tamén convoca este concello.

Podedes ler aquí o micropoemario:

Os caracois alpinisas.

Os medios visibilizan o encontro artístico en Carballo

Tal e como vos podedes imaxinar, é esencial a visibilización por parte dos medios de comunicación dos eventos culturais. Tiven a sorte de participar o pasado 1 de outubro neste encontro interartístico das dúas beiras do Miño, con creadores portugueses e galego. Pola miña banda, lin algúns poemas arredor da temática do alzhéimer e da demencia, maioritariamente recollidos en A (des)memoria.

Sucedeu en Carballo e en La Voz de Galicia quixeron deixar constancia para os lectores que non puideron acudir. Partillo con vós as fotos que me pasa do xornal a participante e responsábel de organización Laura Rey. Tamén os deixo esta ligazón á nova na rede.

Memorias do Trece Roeis Fest 2022

Como era de esperar, participar no cartaz do Trece Roeis Fest foi un agasallo. Aínda son poucos os festivais de música (que moven masivamente a xente) que engaden poesía. Neste senso, foi un pracer participar, mais tamén foi a presencia do risco. E ese risco é marabilloso cando se enche de persoas debaixo das sombras das árbores. Por todo iso e por presentarme a Daniel Asorey, moitas grazas.

A continuación, deixo algunhas fotos (pode que suba máis segundo me vaian chegando de persoas do público) tiradas pola organización do festival e por público que había.

Moitas grazas! David, Miguel, Daniel, Guillermo, Jorge, Tania, Rubén, Paula…, até xa!

Memorias do Trece Roeis Fest, con Clara Vidal, Guillermo Rodicio e Daniel Asorey sobre o escenario.

Presentación literaria no Trece Roeis Fest: 20 de agosto ás 11:15

Hoxe, comeza o Trece Roeis Fest de Ferreira de Pantón. Se xa estades alí, ficade que mañá vou!

Xunto a Daniel Asorey, abordarei un percurso pola miña obra literaria até chegar ao último poemario: A (des)memoria. Será algo diferente, caloroso, cheo de historias e conducido por Guillermo Rodicio Cimadevilla.

Déixovos algunhas imaxes que prepararon dende a organización do festival, para abrir boca.

Vindes?

As Singer na poesía

Hai unhas semanas, un lector fiel díxome que ultimamente non paraba de escoitar e ver referencias ás Singer na poesía galega en todas partes. Disque todo comezou co meu poema «A raíña e o rei», incluído en A (des)memoria. A verdade é que eu non recordaba ningunha referencia similar cando o escribín. Ademais, fixen trampas: a miña avoa tiña unha Alfa. Sexa como for, ao parecer si están aparecendo máis Singer nos versos de poetas que reflexionan tamén sobre as súas ascendencias.

Deste texto, hai un videopoema que podedes consultar aquí.

Poesía no Trece Roeis Fest

Rara é a persoa que non vai a algún festival de música ao longo dos meses de verán. Dá igual se chove ou se queima a pel. Grazas aos organizadores do Trece Roeis Fest, este ano haberá literatura no propio festival! Para todos os públicos e intentando sacar algunha gargallada. A poesía tamén ten moito de música e xa me faltaba ter unha experiencia así! Ao meu carón, estará Daniel Asorey e presentará os nosos libros Guillermo Rodicio. Vaia trío! Ídelo perder?!

Ide gardando oco na axenda do 20 de agosto a iso das 11 da mañá. Irei contando máis cousas…

Nesta ligazón ou nesta podedes atopar moita máis información sobre o festival.

Vindes?!

Fotos da conversa sobre certames en Carral

Estas son algunhas fotos da mesa rectangular de onte, onde tiven o pracer de participar. Máis memorias destas xornadas verán a luz proximamente, cos vídeos onde todos poderedes ver esta e outras participacións.

Para darnos voz e moderar, estaba Dores Tembrás, quen tamén participou coa súa experiencia. Aos meus lados, Miriam Ferradáns e Xerardo Quintiá.

Oxalá repetir axiña!

Vémonos mañá en Carral e na Agra do Orzán (Coruña)

Mañá, o meu día estará cargado de poesía.

Ao mediodía (13:00), estarei conversando con Miriam Ferradáns e Xerardo Quintiá porque eu Chámome poeta e preséntome a concursos. Moderará este encontro Dores Tembrás. Celebrarase o evento na casa da cultura de Carral.

Máis tarde, ás 20:00, conversarei sobre o meu libro A (des)memoria con Tito Pérez. Será na asociación de veciños Agra do Orzán (A Coruña), como xa vos contara aquí.

Vémonos?