Os medios visibilizan o encontro artístico en Carballo

Tal e como vos podedes imaxinar, é esencial a visibilización por parte dos medios de comunicación dos eventos culturais. Tiven a sorte de participar o pasado 1 de outubro neste encontro interartístico das dúas beiras do Miño, con creadores portugueses e galego. Pola miña banda, lin algúns poemas arredor da temática do alzhéimer e da demencia, maioritariamente recollidos en A (des)memoria.

Sucedeu en Carballo e en La Voz de Galicia quixeron deixar constancia para os lectores que non puideron acudir. Partillo con vós as fotos que me pasa do xornal a participante e responsábel de organización Laura Rey. Tamén os deixo esta ligazón á nova na rede.

Día das Letras (17-maio-2019)

Aínda non chegou maio e a poesía xa está traballando para ocupar o mes completo.

Para min, é un absoluto pracer partillar este cartaz con amigos admirados e queridos do mundo da música e das letras. Sei que é unha oportunidade inesquecíbel de compartir escenario con persoas coas que xa o compartín e con outras que resulta complexo chegar a facelo. Por iso e polo que veña, grazas inmensas.

Agardo o próximo día das Letras con impaciencia, que celebrarei canda estes artistas que aparecen a continuación, colaborando cun recitado de poemas pertencentes a Linguaxes dixitais.

Haberá música, poesía e tradución de poemas a linguaxe de signos. Vindes?

Foto de Luis Mazás López.

O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa

Hoxe, tiven o pracer de participar nas xornadas O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa, grazas ao convite por parte da Comisión Recuperación Memoria Histórica da Coruña.

A presentación agarimosa que me fixo Laura Rey e a miña participación no recitado pode verse dende esta ligazón que leva directamente ao minuto 08:09:31.

O recitado completo pódese ver dende esta outra ligazón, dende onde tamén se verá a presentación, moi comprometida, feita por Laura Rey ao comezo para todas as poetas. Por suposto, as xornadas completas, que foron retransmitidas en directo para todas as persoas que non puideron estar con nós, están gardadas na canle de YouTube.

Todos os poemas que recitei, agás un, poden lerse tamén neste WordPress:

O primeiro poema de De nome propio, Alois

O poema videopoemado do tarrelo en flor

O poema do descontrol de rumbo

O poema da esperanza

Grazas a todas as persoas que o fixeron posíbel, á compañía, a Boci e, sobre todo, a Laura.