Unha viaxe ao Diario Cultural

O pasado 8 de maio de 2023, Estíbaliz Espinosa foi ao Diario Cultural a falar con Belén sobre cerebros, intestinos, linguaxes, Casto Rivadulla e A (des)memoria.

Moitas grazas ás dúas polo tempo adicado a este libro e polas palabras que me continúan emocionando despois de tempo tras publicar este libro: «recuperar os bos libros independentemente de que se publicasen este ano ou…».

Queres escoitar? Preme!

Memorias do Trece Roeis Fest 2022

Como era de esperar, participar no cartaz do Trece Roeis Fest foi un agasallo. Aínda son poucos os festivais de música (que moven masivamente a xente) que engaden poesía. Neste senso, foi un pracer participar, mais tamén foi a presencia do risco. E ese risco é marabilloso cando se enche de persoas debaixo das sombras das árbores. Por todo iso e por presentarme a Daniel Asorey, moitas grazas.

A continuación, deixo algunhas fotos (pode que suba máis segundo me vaian chegando de persoas do público) tiradas pola organización do festival e por público que había.

Moitas grazas! David, Miguel, Daniel, Guillermo, Jorge, Tania, Rubén, Paula…, até xa!

Memorias do Trece Roeis Fest, con Clara Vidal, Guillermo Rodicio e Daniel Asorey sobre o escenario.

Presentación literaria no Trece Roeis Fest: 20 de agosto ás 11:15

Hoxe, comeza o Trece Roeis Fest de Ferreira de Pantón. Se xa estades alí, ficade que mañá vou!

Xunto a Daniel Asorey, abordarei un percurso pola miña obra literaria até chegar ao último poemario: A (des)memoria. Será algo diferente, caloroso, cheo de historias e conducido por Guillermo Rodicio Cimadevilla.

Déixovos algunhas imaxes que prepararon dende a organización do festival, para abrir boca.

Vindes?

As Singer na poesía

Hai unhas semanas, un lector fiel díxome que ultimamente non paraba de escoitar e ver referencias ás Singer na poesía galega en todas partes. Disque todo comezou co meu poema «A raíña e o rei», incluído en A (des)memoria. A verdade é que eu non recordaba ningunha referencia similar cando o escribín. Ademais, fixen trampas: a miña avoa tiña unha Alfa. Sexa como for, ao parecer si están aparecendo máis Singer nos versos de poetas que reflexionan tamén sobre as súas ascendencias.

Deste texto, hai un videopoema que podedes consultar aquí.

Pausa para máis!

A (des)memoria chegou a Palavea (A Coruña) o pasado venres 27 de maio, para cerrar o mes das letras. Porén, as letras galegas continúan activas todo o ano.

Pola miña banda, o meu poemario e mais eu estamos sen novas paradas á vista. Durante este descanso, haberá que aproveitar para recuperar forzas para o que veña. Continuarei enviando e asinando libros á xente que o compre a través deste meu WordPress. Tamén podedes seguir a ver os meus videopoemas.

Até ter máis novas, déixovos con fotos que me tirou o pasado venres Nachok. Moi agradecida pola súa mirada fotográfica e escoita poética. Recordade que se deixades o voso enderezo electrónico á dereita desta páxina, poderedes recibir na caixa do correo con cada nova entrada.

Versos fronte ao esquecemento, en La Opinión

Se paras para tomar un café e suxeitas o xornal coa man que non terma da cunca, hoxe atoparás en La Opinión da Coruña este artigo sobre A (des)memoria e Cartas dende o esquenzo.

O coidado artigo de María de la Huerta é unha cita para hoxe, día 17 de marzo, ás 18:00 na Fundación Barrié da Coruña.

E ollo, porque haberá máis sorpresas antes desta cita! A iso das 16:35, sintoniza TVG2!

A (des)memoria da man de Cartas dende o esquenzo

Como xa comentei noutra publicación, a experiencia en Santiago de Compostela nas instalacións de AGADEA foi magnífica. Aquí abaixo vos deixo unhas imaxes dese día. Agradezo moito ás fotógrafas que inmortalizasen ese momento!

Mais, antes de pasar ás fotos, cómpre lembrar que a experiencia destes dous poemarios sobre o alzhéimer se repetirá o próximo xoves 17 na Coruña. Aquí tendes o evento do Facebook. Non faltedes!

A (des)memoria repite en Coruña

Onte, A (des)memoria viaxou para coñecer Santiago de Compostela nun lugar moi especial. A presentación foi en AGADEA, nunhas instalacións que se empregan a diario para facer exercicios cognitivos con persoas con alzhéimer en diferentes estadios. Dúas mulleres pacientes agasalláronme coa lectura dalgún dos meus poemas. Tamén a Baldo cos seus.

Foi, sen dúbida, unha das mellores experiencias literarias que experimentei na vida, tamén grazas ao público cómplice, emotivo e atento, a Isabel Gey, á xenerosísima lectura poética e acollida da presentación de Ánxela Gracián e a Baldo Ramos, que compartiu textos de dous poemarios seus en que aborda a memoria.

O meu novo poemario ten sentido en espazos así e con compañías así. Por iso, a nova data é o próximo 17 de marzo na Coruña, nas céntricas instalacións da fundación Barrié, mais co apoio da  Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer (AFACO) da Coruña. Teño a sorte de contar de novo coa presenza de Baldo Ramos.

Vindes?

Vivir da escrita: un alto até aninovo

Anunciei hai tempo que A (des)memoria chegaría a Betanzos. Isto poñíame moi feliz porque Linguaxes dixitais non fora coñecer esta vila. Os meus avós naceron na contorna betanceira. Por iso, na presentación deume tempo a falar deles e da zona, así como da miña relación con eses espazos ou con eles.

Aquí vai unha foto tirada por un asistente ao evento (moitas grazas!), en que saímos Tito e mais eu presentando os nosos libros.

Unha das preguntas que me fan máis a miúdo as persoas que non están próximas á escrita é se isto dá para vivir. Non só non chega para iso, senón que non abonda para cubrir os gastos. Na actualidade, eu paguei moitos máis euros dos que recibín polos libros que me movo para dar a coñecer na Galiza inmensa. Aínda tería que vender moitísimos para cubrir esa inversión en min e na cultura en que creo. Cuestión aparte sería chegar a cubrir os gastos de gasolina, de tempo, de peaxes e de oficio de escrita (porque non se chega a un libro así sen máis, tamén cómpre traballalo e iso foron moitísimas horas da miña vida).

Nas persoas coma ti está o apoio necesario á cultura para que as persoas coma nós poidamos seguir movendo os nosos libros sen arruinarnos demasiado. Se podes ir a eventos culturais, vai. Se che interesa, comparte para que máis xente vaia. Se che gusta minimamente a produción, cómpraa e dálle unha oportunidade. Se pensas que alguén que coñeces pode estar interesado, agasállalle un libro. Gañarás experiencia e cultura e farás porque outros tamén adquiran iso.

A (des)memoria ten que facer un alto até aninovo. A súa autora vai ser intervida nun proceso cirúrxico e o poemario non se moverá só até entón. Xa hai datas agardando en 2022, así que preparade axendas. Con todo, podedes seguir mercando o libro a través deste WordPress e faréivolo chegar asinado, correndo eu cos gastos de Correos (outra perda máis contra a que loito!).

Grazas.