Arquitectura da ausencia

Este micro-poemario está publicado en M Editora e forma parte dun libro en colaboración dun total de sete poetas. O tema común de todos os micro-poemarios, que é tratado de xeito diferente por cada un, dá título ao libro: Arquitecturas. Pódese adquirir dende a editorial ou nas librarías que traballan coa distribuidora Disgalibro.

Limiar

Os libros son
unha das vigas máis esenciais das casas.

Pénsao.
Sen literatura que nos sosteña,
que fica?

Poderíase dicir
que son rescatadora de versos,
antes ca poeta:

os poetas sempre son nenos ou anciáns.
O resto,
afeccionamos.

Eu constrúo ausencias.

1

O espazo
xerminal
da materia.

A arquitectura baleira da existencia.
O único sentido
de ser.

2

Crear

como se xesta no útero unha vida.

Deixar que os lectores
entren
a habitar.

Nunca fechar valados.

3

Enxeño estas paredes
para que esteas dentro.

Ti erixes
a arquitectura do poema,
alzas os significados,
levantas os sentidos,
amalgamas as pezas,
edificas.

Por iso o texto cala.

4

Permites que te acolla
nesta propiedade.

No meu corpo
está
o epicentro da xénese.

Penduras
os cadros preciosísimos da túa historia.
Adobías os muros.
Transformas
as palabras.

***

Atesouro
o senso imperturbábel de que fiques
na matriz.

Traes contigo
todo o potencial da creación.

O universo medra dentro.
No oco.
Agardando que as augas
rompan
e sobrevivas

nun predio concibido
con Louis Kahn en min.

5

Está escuro e aínda
non estás.

Sinto o tacto
das lecturas
no grosor da gramaxe.

Pecho o poema.
Pecho os ollos.

Resto ovellas
na herbeira infinita desta noite
para non adormecer.

Porque aínda non estás,
agardo e

abro as portas.
Abro as pernas.

Deixo que o mundo more dentro.
Fabrico
a falta e a carencia.

Epílogo

Eu non son boa construíndo
porque estou acostumada
a interpretar os espazos
cando xa foron creados.

Son boa observando.

Non se me dá ben
facer estruturas
para que un edificio se teña en pé

porque eu funciono mellor poñendo pezas sen pensar
(sen pensar)
e deixando aberta a porta
da posibilidade de que o fracaso
sexa
opción.

E son boísima
volvendo a comezar
dende a primeira peza,
outra vez,

como se me fose imposíbel
por xenética
encetar algo con xeito.

Nacín para fracasar

e para lembrar
cada derrota
como o único importante da existencia.

Por iso é tan doado comprender os ocos.

Estou baleira.

A insuficiencia sempre é
a forma máis perfecta do sosego.

Precisamos o muro que nos peche
e a corrente de ar ao comezar o día.

Habitamos a ausencia.

Louis Kahn
Salk Institute for Biological Studies, San Diego, California (Louis Kahn). Foto: Hobo Ahle.
Foto de M Editora.
Foto: Alberte Momán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.