Vídeo do lanzamento de Linguaxes dixitais

O pasado 14 de decembro lancei Linguaxes dixitais na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, acompañada. Acompañadísima. Por unha banda, estaba arroupada por Wladimir e por Emma nesa mesa que tería sido enorme para min soa. Por outra banda, estabades todos vós.

Aquel día chovía, ía moitísmo vento e había un tráfico terríbel que fixo a moita xente chegar tarde ou non chegar. Aos que non chegaron, tamén sei que algunhas causas foron outras: compromisos, distancias quilométricas, incompatibilidade horaria… Aínda así, sorprendeume ver como non paraba de chegar xente e como era necesario sacar máis e máis cadeiras porque ao comezo do acto xa estaban todas ocupadas.

Mais esta nova entrada do meu WordPress está pensando sobre todo nesas persoas que non puideron vir. Partillo con vós o vídeo que dende a Asociación Cultural Alexandre Bóveda tiveron a ben gravar e compartir comigo e tamén con todos vós, editado tan calorosamente como me trataron alí.

Grazas, de novo, a todos e a todas vós. Aos presentes e aos ausentes.

Haberá que pensar nunha nova parada xeográfica para presentar este poemario que naceu para que as persoas puidesen sentir o grosor da gramaxe das súas páxinas, mais tamén a voz de quen as escribiu.

Vémonos nos versos!

 

Advertisements

Madrygal: Revista de Estudios Gallegos

Chega por fin en papel a revista Madrygal do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid.

Tiven a sorte de participar cun artigo sobre a lectura dun poema de Manuel Álvarez Torneiro e tamén cun micropoemario que levaba gardado moitos anos e que podedes ler premendo aquí.

Linguaxes dixitais no Caderno da Crítica

Na lapela de Linguaxes dixitais xa se pode chegar mediante unha ligazón ás palabras que recolle Ramón Nicolás no Caderno da Crítica sobre o poemario.

Moi agradecida polas verbas!

Ninguén poderá sandar

Publico un novo poema que pertence ao poemario Linguaxes dixitais.

Pode que sexa  este o poema do libro máis complexo de recitar. Podedes lelo na seguinte ligazón (ou na páxina 17 do formato físico en papel):

Ninguén poderá sandar

Hubble, European Space Agency (ESA), Akira Fujii
Hubble, European Space Agency (ESA), Akira Fujii

Linguaxes dixitais en Filloas.gal

Unha nova recensión sobre Linguaxes dixitais acaba de saír do forno! E non podería ulir mellor nin chegar máis cargada de amor, de cariño e de tenrura.

O autor é Amador Castro Moure e a podedes ler na súa páxina Filloas.gal. Alí escribe de todo un pouco, sempre cunha sensibilidade característica e especial onde a poesía cabe sempre, até cando o texto xorde dun cigarro no descaso laboral. Ademais, podedes gozar da súa escrita no blog en galego e en català (tamén ten novelas traducidas ao español)!

Non podo estar máis feliz ao compartir este novo comentario do meu libro, que continúa a percorrer lectores!

Entrevista en Lecturafilia

En Lecturafilia, ademais do comentario do meu poemario, tamén me fixeron unha entrevista na que falo de Linguaxes dixitais e do percorrido que fixen coa poesía dende os seis anos! As preguntas foron xerais e concretas, afondando en certas cuestións e deixando pairar moitas outras. Botádelle un ollo!

Linguaxes dixitais en Lecturafilia

Na lapela de Linguaxes dixitais xa se pode chegar mediante unha ligazón ás palabras que recolle Lecturafilia para o poemario.

Un pracer que o libro goste e que se lle adiquen verbas.

Que continúe a poesía!

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis

Aínda que a venda e lanzamento de Linguaxes dixitais tivo esta tempada un oco moi amplo nesta páxina e na miña vida, o mundo continúa!

Vén de publicarse o número 21 de Madrygal, que se coordina na Universidad Complutense de Madrid (UCM). Nesta revista, participo como creadora e como investigadora. Curiosamente, ambas achegas están ligadas ao mes de decembro. Non ha mellor momento para partillarvos esta nova. Convídovos a ler ambas e a botar un ollo tamén no resto de colaboracións que non son da miña autoría.

Podedes consultar a revista completa en formato dixital aquí.

O micropoemario co que participei, podedes lelo nesta mesma páxina.

E Arxentina, polo que máis queiras, non chores por min máis!

Presentación na Coruña

Xentiña, que resta unha semana!

A próxima sexta feira, 14 de decembro, vémonos na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.

Podedes ir lendo un dos poemas do libro nesta ligazón, ademais de ver os tres videopoemas que teño xa na miña canle de YouTube, aos que podedes acceder dende esta outra ligazón.

Anotade na axenda ou no calendario do Facebook!

Vinde!

photo_2018-11-18_15-23-22